Como ben sabedes tod@s, un dos obxectivos irrenunciables de Lobaeoso é poñer no mercado produtos climáticamente neutros, para elo, durante todo o ano calculamos o consumo de enerxía asociado aos combustibles fósiles que empregamos nos distintos desprazamentos relacionados coa creación das nosas creacións, transformámolo en emisións de CO2 e traducímolo en árbores. Para culminar todo este proceso, unha vez rematado o ano, e xa dentro da seguinte tempada, eliximos un día e un lugar no que plantar un conxunto de árbores formado por diferentes especies autóctonas no que compensar a nosa pegada de carbono e obter un produto libre de emisións, ou de emisións 0.

O Outeiro Grande de Lantaño foi o lugar elixido para a nosa primeira plantación de frondosas.

Deste xeito, o sábado 12 de febreiro de 2022, Saleta Melissa e Jose, desprazámonos ata o Outeiro Grande de Lantaño para levar a cabo unha plantación de frondosas coa que compensar as 0,39t de CO2 que emitimos á atmósfera o pasado ano con motivo da nosa primeira colección “Illas Atlánticas“, unha colección upcycling, na que empregamos como materia prima principal diferentes restos de produción de lonas náuticas.

Unha das nosas mochilas Maërl xunto cun dos pés plantados en Lantaño.

Plantamos oito pés de diferentes especies: unha abeleira, un carballo, un castiñeiro, unha cerdeira, un freixo, unha nogueira, un pradairo…, nun fermoso día no que coincidimos en espacio e tempo coa xente de Portamérica que compensaba do mesmo xeito as emisións do seu festival Portamérica Orixe de 2021 celebrado na azucreira de Portas os primeiros días do mes de outubro.

Moitísimas grazas desde Lobaeoso á Comunidade de Montes de Lantaño e ás traballadoras e traballadores do Distrito XIX da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia pola súa colaboración nesta nosa primeira plantación de compensación de emisións!

Deixámovos aquí un pequeno resumo fotográfico do que foi este ilusionante xornada para nos!

0
    0
    Carrito
    Carrito vacíoVolver a la tienda